Que é Rapaciñ@s
A quen te pareces?
"A quen te pareces?" é un espazo web que quere axudarte... e animarte. Quere axudarte para que saibas máis sobre mulleres e homes que xogaron un papel destacado no desenvolvemento da informática e as ciencias da computación.
Son referentes de talento, imaxinación, emprendemento e creatividade. Persoas que fixeron achegas decisivas na creación de software, na ideación de Internet, na popularización das redes sociais, na creación de novas aplicacións, na procura de ferramentas dixitais máis libres e accesibles...
Homes... e mulleres; mulleres que achegaron igualdade, en tempos nada doados, ao desenvolvemento da informática. Queda moito aínda por facer: as cifras do sistema educativo e das empresas salientan que a presenza feminina nos estudos e profesións tecnolóxicas segue a ser minoritaria e, ás máis das veces, as súas achegas están invisibilizadas.
Houbo e hai avances, pero segue a imporse unha teimuda realidade que sinala aos homes como creadores das innovacións dixitais e informáticas e as mulleres como usuarias. Porque as novas tecnoloxías definen en boa medida a arquitectura da nosa sociedade, hai que garantir nelas condicións de igualdade e reducir a fenda que arreda ás mulleres das carreiras universitarias tecnolóxicas e as novas profesións dixitais.
Corrixir esa desigualdade é moi importante para a ciencia e para a nosa vida. O mundo precisa máis creadoras tecnolóxicas, enxeñeiras e mulleres de empresa como Ada Lovelance, Margaret Hamilton, Marissa Mayer, Anita Borg, Ana María Prieto, Mitchel Baker, Ángela Ruiz, Radia Perlman ou Carol Shaw.
A quen te pareces? permite saber máis como condición necesaria da igualdade. De acordo coas túas preferencias, gustos e valores saberás a que personaxe do mundo da informática e a computación te pareces... para que poidas ser ti.
E queremos animarte, tamén, para que te decidas a facer estudos de informática. Hai boas razóns para formarse no campo da computación, a informática e as tecnoloxías da información: numerosos empregos e boas retribucións para persoal ben cualificado. E hai, en Galicia, unha excelente oferta académica de estudos universitarios no campo da enxeñería ou nas especialidades informaticas da Formación Profesional que podes aproveitar.
A quen te pareces? Seguramente a unha das persoas das que falamos nesta web; mulleres e homes que prefiren, como sinalou Remedios Zafra, «programar as súas vidas e as súas máquinas antes que ser programadas por elas».