Saltar a contenido
Richard Stallman

Richard Stallman

O rebelde do software libre

Nova York, EEUU, 1953

Fundador do movemento polo software libre, é un dos máis afamados programadores estadounidenses, autor de desenvolvementos como o editor Emacs, o depurador GDB ou o compilador GNU C (GCC).

O seu primeiro contacto coas computadoras foi no Centro Científico de IBM en Nova York cando preparaba o seu acceso á universidade e foi contratado para facer un programa de análise numérica. Ao tempo, Stallman era tamén voluntario no laboratorio de bioloxía da Universidade Rockefeller. Daquela, aínda dubidaba sobre se dedicarse aos estudos de física e matemáticas ou bioloxía. Finalmente, elixirá estudar física na Universidade Harvard, Stallman e converterase nun hacker do Laboratorio de Intelixencia Artificial do MIT.

En 1983 Stallman publicou o Manifesto GNU no que avogaba por crear unha alternativa libre ao sistema operativo UNIX que denominou GNU (GNU Non é Unix). En palabras de Stallman: «queriamos facer posible o uso dunha computadora en liberdade, o que require un sistema operativo libre, composto totalmente de programas libres. Pero todos os sistemas operativos eran privativos; é dicir, privaban da liberdade a quen os usaban. Para facer a informática en liberdade, tiñamos que escaparnos deles». Stallman teima na utilización do termo «software libre» e non código aberto porque o importante, na súa idea, é a liberdade que perden os usuarios.

Para sumar esforzos ao redor do software libre, Stallman creará, en 1985, unha organización sen ánimo de lucro, a Free Software Foundation. Da súa colleita é o concepto de copyleft, que foi utilizado na Licenza Pública Xeral en 1989.

A maior parte do sistema GNU, excepto o núcleo (kernel), completouse a finais dos anos 80. En 1991, Linus Torvalds liberará o núcleo Linux cunha Licenza Pública Xeral, completando un sistema GNU: o GNU/Linux.

Consonte ao compromiso ético, político e social do movemento do software libre como unha alternativa ao desenvolvemento e distribución do software privativo, Stallman mantén posicións moi críticas cos controis dos gobernos e as empresas a través das TIC. Por iso ten cualificado os teléfonos móbiles como «dispositivos portátiles de vixilancia e seguimento», nunca navega pola Rede desde o seu ordenador persoal e é un activo detractor dos ebooks e dos lectores electrónicos.

En 1999 promoveu a creación dunha enciclopedia libre, a GNUPedia, considerada como un antecedente directo de Wikipedia.