Linus Torvalds
O corazón do software libre
Helsinqui, Finlandia, 1969
Linus Benedict Torvalds iniciouse con tan só 11 anos no mundo da informática para axudar ao seu avó, Leo Törnqvist, un afamado estatístico, a usar un microordenador Commodore. En 1988 accedeu á Universidade de Helsinqui, onde estudou Ciencias da Computación e comezou a familiarizarse coa linguaxe de programación C e o dominio do sistema operativo MINIX, creado por Andrew S. Tanenbaum con fins didácticos.
Ao non poder custearse as versións de pago de UNIX, e canso do escaso rendemento de Minix, Torvalds decidiu construír o seu propio sistema operativo baseándose no código inicial de MINIX. Tomando como referencia o libro Design of the Unix Operating System, publicado por Maurice J. Bach en 1986, comezou a desenvolver un sistema para que executara calquera tipo de programa sobre unha arquitectura de computadores compatibles. Este proxecto callou en 1991 na primeira versión de Linux, inicialmente chamado Freax (unha combinación de Free+freak+x) e que contiña 10.000 liñas de código.
En 1992, Torvalds decidiu que Linux tivese unha Licenza Pública Xeral, ao contrario da maioría do software que daquela se publicaba con licenzas propietarias, o que impedía que os usuarios puidesen acceder de forma doada e legal ao código fonte e facer a súa modificación, redistribución, copia e uso ilimitado. A partir dese momento Linux pasaría ser o kernel (núcleo) dun sistema operativo de GNU, un proxecto iniciado en 1983 por Richard Stallman para crear un sistema operativo completamente libre. Linux é a cerna dos actuais sistemas operativos de código aberto.
Aínda que ao principio Linus Torvalds tivo bastante protagonismo na posta en marcha do seu kernel, co tempo a súa achega foi minguando e hoxe en día só o 2% do código de Linux está escrito por el. Con todo, aínda se encarga de supervisar o uso e modificación de Linux para garantir que estas mudanzas axustaban ás súas normas básicas.
No ano 1997, Torvalds principiou a traballar en Transmeta, unha compañía que fabrica procesadores para portátiles e outros compoñentes informáticos de baixo consumo. Deixará esta empresa en 2003 para formar parte do Open Source Development Lab, un consorcio adicado a crear desenvolvementos de alto nivel para Linux. En 2001 publicou un autobiografía Just For Fun: The Story of an Accidental Revolutionary (Só por diversión: a historia dun revolucionario accidental). Desde o ano 2003 vive en Oregón, Estados Unidos. En 2010 déronlle a cidadanía estadounidense. Linus Torvalds está casado con Tove Monni, seis veces campioa nacional de karate en Finlandia, e, segundo teima en contar, as súas principais afeccións son conducir, pasar o tempo de lecer coa súa familia e beber cervexa Guinness.