Margaret Hamilton
A programadora da carreira espacial
Paoli, Indiana, EEUU, 1936
Margaret Heafield Hamilton estudou matemáticas no Earlham College (Richmond, Indiana) en 1958 e trasladouse despois a Massachusetts para facer estudos de posgrao coa idea de especializarse en matemática abstracta e proseguir unha carreira como docente universitaria, pero acabou incorporándose ao Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) onde, de xeito autodidacta, iniciarase no desenvolvemento de software aplicado á investigación metereolóxica.
De 1961 a 1963 traballou no Proxecto Sage Philco-Ford deseñando programas de seguimento da traxectoria de aeronaves e, pouco despois, incorporouse ao Laboratorio de Investigación Cambridge da Forza Aérea dos Estados Unidos. Hamilton fará parte do Charles Stark Draper Laboratory do MIT, onde a partir de 1965 será a responsable do deseño e desenvolvemento do software de voo a bordo das computadoras das misións do Proxecto Apolo. Nos anos setenta, traballará no software de voo da estación espacial Skylab e nos requirimentos de software preliminares para a programación de voo do Transbordador Espacial da NASA. O traballo do Hamilton e o seu equipo foi decisivo para evitar que se abortase a aluaxe do Apolo 11 en 1969. Gran parte do éxito do primeiro paseo lúar de Neil Armstrong e Buzz Aldrin débeselle a eles: poucos minutos antes de iniciarse o descenso do módulo lunar, saltaron unhas alarmas que indicaban que o computador de a bordo estaba sobrecargado de tarefas, pero a programación de Hamilton e o seu equipo logrou que este dese prioridade ás tarefas referidas á aluaxe.
Margaret Hamilton é unha das pioneiras decisivas da programación. A súa fotografía posando cos 15 volumes do código do Apolo 11 é unha icona emblemática das ciencias da computación. Entre outras moitas achegas, a ela débeselle o concepto de «enxeñaría de software» co que quería valorizar a importancia das tarefas de programación fronte á crenza dominante de que o realmente decisivo era o hardware. Nas súas palabras: «Pensábase no software como arte e maxia, non como ciencia. Loitei para lexitimar o software, de modo que tanto esta enxeñaría como os que a construían recibisen o respecto que merecían, polo que empecei a usar o termo “enxeñaría de software” para diferencialo do hardware e doutras formas de enxeñaría.».
Non foi a única batalla de Hamilton por impulsar un cambio de valores. Destacou tamén polo seu combate contra a discriminación de xénero nos salarios forzando aos responsables do MIT a dar pasos para garantir a igualdade nas súas políticas laborais.
En 1986, fundou Hamilton Technologies, empresa especializada no desenvolvemento das linguaxes de programación da que é conselleira delegada. A súa traxectoria científica foi recoñecida co Premio Augusta Ada Lovelace Award da Association for Women in Computing (1986) e co Exceptional Space Act Award da NASA (2003). Con oitenta anos, Margaret Hamilton sostén que o máis lle gusta da computación son «os retos continuos e a xente creativa coa que se traballa».