Carol Shaw
A primeira deseñadora de videoxogos
Palo Alto, California, EEUU, 1951
Primeira deseñadora e programadora de videoxogos, Carol Shaw empezou a interesarse polos computadores cando facía estudos de secundaria. Anos máis tarde Shaw foi á Universidade de Berkeley e, en 1977, graduouse en Enxeñaría Eléctrica e Ciencias da Computación, especializándose en enxeñería de sotfware para despois facer un mestrado en Ciencias da Computación.
Extraordinariamente competente no desenvolvemento de software, Shaw recibiu diversas ofertas de traballo antes de rematar o seu mestrado de entre as que aceptou a de Atari porque, como recoñeceu en diferentes ocasións, «pagábanlle por xogar». Comeza así a traballar en 1978, como enxeñeira microprocesadora de software para a compañía estadounidense. Nunha entrevista, Shaw lembrou o primitivo sistema de desenvolvemento dos vídeoxogos: «Debuxabámolo antes nunha folla e despois faciamos o código. Escribiamos o código nun folio e logo pasabámolo á computadora. Unha persoa facía o xogo completo: o deseño, a programación, os gráficos e sons».
Porén, o seu camiño no mundo do desenvolvemento de videoxogos non foi fácil e tivo que impoñerse para non asumir papeis formateados polos prexuízos en equipos maioritariamente masculinos como ocuparse de combinar as cores ou deseñar os interiores das carcasas dos xogos. Anos despois lembraba: «Non o tomei moi en serio porque eran cousas que non me interesaban e os meus colegas apoiábanme». Carol tamén loitou por conseguir que as empresas recoñecesen a autoría dos deseños aos programadores e sería unha das primeiras en aparecer nos títulos de créditos dos videoxogos.
Vencidas as resistencias, Shaw deseñou e desenvolvería xogos para Atari como 3D Tic-Tac-Toe, Vídeo Checkers ou Super Breakout. Despois, desexosa de adicarse a outros tipos de programacións, únese á compañía Computadores Tandem para a que fará traballos de linguaxe ensamblador e desenvolve software para facer reservas de avión ou xestionar operacións na Bolsa de Nova York. Mais como consecuencia do éxito comercial do seu Vídeo Ckeckers , un vídeoxogo de damas, recibe unha gorentosa oferta de Activision, unha nova empresa fundada por antigos compañeiros de Atari. Para Activision programará, en 1982, o seu xogo máis coñecido, un xénero clásico de «matar marcianos» ou shoot 'em up: River Raid, do que se chegarán a vender dous millóns de unidades.
En 1984 creou o seu último proxecto, Happy Trail, un vídeoxogo de estratexia que consiste en recuperar diñeiro roubado que está repartido en diferentes puntos dun quebracabezas. Despois, a causa do stress laboral, Carol Shaw retirouse voluntariamente de Activision e volveu a Tandem, onde traballará até 1990, ano no que decidiu xubilarse para comezar a colaborar como voluntaria en iniciativas como o Instituto Foresight.