Bill Gates
O emperador de Microsoft
Seattle, EEUU, 1955
William Henry Gates III é empresario, informático, filántropo e fundador da empresa de software Microsoft. Fillo dun adiñeirado avogado e dunha directiva dun gran banco, Gates estudou na escola privada de elite de Lakeside que xa incorporara, en 1968, o ensino da informática.
Iniciou a carreira de dereito na Universidade de Harvard pero en 1975, antes de rematala, trasladouse a Albuquerque (Novo México) onde creou, xunto con Paul Allen, Microsoft Corporation. A idea era fornecer de software –a partir dunha versión da linguaxe de programación BASIC– á empresa MITS, fabricante de Altair, un dos primeiros microordenadores.
Nos primeiros anos 70, os microprocesadores permitiron abaratar e reducir o tamaño das xigantescas computadoras existentes, o que abriu un importante mercado no ámbito empresarial e doméstico. Gates tivo a intuición de que había un nicho de negocio tan lucrativo na creación e venda de software (sistemas operativos e programas) como na fabricación das computadoras.
En 1980, Gates reuniuse cos directivos de IBM para venderlles o sistema operativo MS-DOS, que Microsoft mercara ao seu creador, Tim Paterson. Microsoft impuxo os dereitos de licenza, mantemento e mesmo a liberdade para vender MS-DOS a outras compañías. Estas condicións foron aceptadas por IBM que cría que, estratéxicamente, os maiores beneficios procederían da fabricación das máquinas e non do software.
MS-DOS era, con todo, unha contorna pouco amigable, cun manexo complicado que requiría do uso de comandos a través do teclado. En 1984, Apple introduciu no computador persoal Macintosh, un interfaz moito máis accesible, cun escritorio organizado en fiestras iconas e fácilmente manexable só cun rato. Consciente da revolución que Apple acababa de aplicar os seus computadores, Gates negociou con Steve Jobs, fundador de Apple, o uso da súa interfaz gráfica e o funcionamento a través do rato. Con esas innovacións, Gates sacou ao mercado Microsoft Windows, que iría ampliando progresivamente o seu mercado logrando coa versión 3.0 de Windows popularizarse extraordinariamente ao vender en dúas semanas 100.000 copias.
Cando, en 1986, Microsoft saíu á Bolsa, o valor das súas accións disparouse convertendo a Gates en multimillonario. En poucos anos, Bill Gates fíxose co virtual monopolio do mercado do software mundial. Malia algúns reveses dos seus produtos en Internet ou o fracaso dos seus sistemas operativos para móbiles, Microsoft segue sendo unha das empresas máis valiosas do mundo.
En 2008, Gates cedeu a dirección de Microsoft a Steve Ballmere para poder adicar máis tempo á fundación benéfica que creara, en 2000, coa súa muller Melinda French: a Fundación Bill e Melinda Gates.