Anita Borg
O corazón do software libre
Chicago, EEUU 1949 - Sonoma, California, EEUU 2003
Desde cativa Anita Borg amosou un extraordinario dominio das matemáticas. Autodidacta, aprendeu programación mentres traballaba nunha compañía de seguros e obtivo o seu primeiro emprego como programadora en 1969. En 1981 doutorouse en Ciencias da Computación na Universidade de Nova York.
Até 1985 participou no desenvolvemento dun novo sistema operativo baseado en UNIX e, ao ano seguinte, incorporouse a Dixital Equipment Corporation, onde traballou durante máis de dúas décadas desenvolvendo un método para xerar rastros de enderezos completos na análise e deseño de sistemas de memoria de alta velocidade.
En 1987, logo de asistir a un Congreso no que reparou na escasísima presenza de mulleres no campo da computación, fundou Systers, a primeira rede de correo electrónico para as mulleres no campo científico e tecnolóxico. O seu obxectivo era proporcionar un espazo privado para que mulleres tecnólogas puidesen procurar información e compartir coñecementos. Borg supervisou Systers até o ano 2000 e foi precisamente o seu manexo desta listaxe de distribución o que a animou a traballar na comunicación por correo electrónico e desenvolver un sistema combinado de web e correo para soster a comunicación en comunidades virtuais.
En 1994, Anita Borg e outra enxeñeira informática, Telle Whitney, fundaron a Celebración Grace Hopper de Mulleres na Informática coa idea de organizar un encontro de mulleres expertas en computación. A primeira Celebración Grace Hopper tivo lugar en Washington en xuño de 1994 e congregou a medio millar de mulleres. En 1995, Anita Borg foi merecedora do premio Ada Lovelace da Asociación de Mulleres na Informática polo seu traballo a prol da presenza feminina no mundo da computación.
Borg comezou a traballar como investigadora en Xerox en 1997 e nese mesmo ano fundou o Instituto da Muller e a Tecnoloxía. Os seus obxectivos eran aumentar a representación das mulleres nos campos tecnolóxicos, fomentar a creación de máis tecnoloxía por parte das mulleres, asegurar que as súas voces tivesen unha maior influencia no desenvolvemento científico e comprometer aos gobernos e institucións académicas na procura da paridade entre os xéneros como un primeiro paso cara á consolidación da igualdade entre os xéneros.
En 1999 o presidente dos Estados Unidos, Bill Clinton, designou a Anita Borg para formar parte da Comisión Presidencial para a Promoción da Muller e Minorías en Ciencia, Enxeñaría e Tecnoloxía. O obxectivo era elaborar estratexias para aumentar o alcance da participación das mulleres nos programas científicos e tecnolóxicos, en vistas a acadar a paridade no horizonte do ano 2020.
En 2002, Telle Whitney asumiu a presidencia do Instituto da Muller e a Tecnoloxía que, tras o pasamento de Borg a causa dun cancro en 2004, sería bautizado co seu nome. Igualmente, para honrar a súa memoria, Google creará as Bolsas Anita Borg co obxectivo de alentar a presenza das mulleres na informática e a tecnoloxía e reforzar o seu liderado.