Ada Byron Lovelace
A primeira programadora
Londres, Reino Unido 1815 – 1852
Científica e escritora, é recoñecida como a primeira programadora da historia. Filla dun dos poetas románticos máis famosos, George Gordon Byron (Lord Byron), a súa nai, Anna Isabella Milbanke, teimou por darlle unha educación científica. Con 20 anos casará con William King, conde de Lovelace, apelido polo que hoxe se coñece a Ada.
Estudou na Universidade de Londres, onde axiña salientou polo seu talento. Con apenas 17 anos comezou a relacionarse con Charles Babbage, un prestixioso profesor de matemáticas da Universidade de Cambridge, a quen se coñece como o pai dos computadores. Babbage, abraiado pola capacidade lóxica e analítica de Ada, chamáballe «a encantadora de números», aínda que a ela, amadora da literatura, gustáballe definirse como «científica poetisa» ou como «analista».
Daquela, Babbage traballaba no desenvolvemento da Máquina analítica, unha calculadora mecánica que mereceu a atención de Luigi Federico Menabrea, un enxeñeiro militar italiano que en 1842 lle dedicaría un gabancioso artigo en francés. Interesado na súa difusión, Charles Wheatstone, un científico amigo de Babbage, pediulle a Ada que o vertese ao inglés. Ada Lovelace acompañou a súa tradución cun amplo conxunto de notas no que se recollía un algoritmo codificado para ser procesado pola máquina, así como outras aclaracións sobre como facer operacións trigonométricas. Ada sinalou ademais que a máquina só podía funcionar a partir de información dispoñible e describiu o uso de tarxetas perforadas para programar a máquina de Babbage.
Ada é recoñecida por moitos como a primeira persoa en desenvolver un software, entendido como un conxunto de instrucións para facer cálculos nun computador. Esquecidas durante moito tempo, as súas achegas terían, non obstante, unha notable influencia nas investigacións de Alan Turing ou John von Neumann. Na súa memoria, cada mes de outubro desde 2009, celébrase o Día de Ada Lovelace para facer visibles os logros das mulleres que traballan no campo da tecnoloxía, a ciencia, a enxeñería e as matemáticas.