Saltar a contenido

A nosa sociedade está inmersa nunha fonda transformación tecnolóxica e son cada vez máis numerosas as empresas e ramas de actividade económica que demandan novos profesionais con competencias en informática e no manexo de novas ferramentas dixitais contribuíndo a xerar novas oportunidades laborais para os enxeñeiros e as enxeñeiras.

Actualmente, as profesións dixitais identifican un sector de creación de emprego de alta calidade cun gran potencial e percorrido como ideadores (de novos produtos, servizos ou aplicacións); operadores (desenvolvemento e mantemento de hardware, software e redes), fabricantes (de equipos e periféricos), axentes comerciais, e consultores e auditores.

  • Como enxeñeira ou enxeñeiro terás moitas oportunidades para traballar en sectores industriais moi innovadores en campos como a robótica, a ideación de aplicacións para teléfonos móbiles e tablets, a programación de vídeoxogos, o deseño de produtos de impresión en 3 D ou o desenvolvemento de contornas de realidade virtual aumentada.
  • Sendo enxeñeira ou enxeñeiro podes traballar en empresas de hardware ou desenvolver tarefas de deseño, programación, documentación e testaxe de software.
  • Se es enxeñeiro ou enxeñeira poderás ocuparte en sectores de demanda crecente como as auditorías informáticas, a peritaxe informática forense ou a seguridade para xestionar, implantar, avaliar, manter e auditar proxectos de seguridade de sistemas e redes de empresas e administracións.
  • Unha enxeñeira ou enxeñeiro pode traballar no soporte de servizos a usuarios e usuarias, configurando, instalando e mantendo equipos informáticos de hardware, software ou aplicacións de empresas, asociacións ou administración.
  • Os enxeñeiros e enxeñeiras poden participar na xestión de I+D+I, encargándose de executar programas e plans de Investigación, Desenvolvemento e Innovación para emprender novas modalidades de xestión, a transferencia e aplicación práctica de coñecementos científico-tecnolóxicos no mundo empresarial.
  • Se es enxeñeira ou enxeñeiro poderás atopar emprego en empresas educativas ou sanitarias, ou en institucións e entidades culturais, sociais, ambientais ou deportivas que, na actualidade, demandan a adaptación de aplicacións e software aos seus catálogos de servizos, prestacións e actividades.
  • Como enxeñeira ou enxeñeiro poderás conseguir emprego en bancos e centros de cálculo ocupándote da definición e explotación de complexas bases de datos.
  • Un enxeñeiro ou enxeñeira pode participar no deseño e definición da arquitectura de webs, tendas on line ou repositorios de información na Rede.