Saltar a contenido
Larry Page

Larry Page

O guía de Internet

Míchigan, EEUU, 1973

O creador de Google, Larry Page, é fillo de dous docentes expertos en computación, Gloria Page (profesora de programación na Universidade de Míchigan) e Carl V. Page (profesor de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Carolina do Norte e na Universidade de Míchigan). O interese de Page polos computadores e a informática empezou aos seis anos e medrou xunto coa súa fascinación polos inventos de Nikola Tesla.

Estudou Enxeñaría Informática na Universidade Estatal de Míchigan e doutorouse en Ciencias da Computación na Universidade de Stanford, onde coñeceu a Serguéi Brin, cofundador de Google.

Na universidade, Page decide especializarase na emerxente World Wide Web, engailado polas súas propiedades matemáticas. Dende entón, os seus estudos céntranse na análise da estrutura de ligazóns nun intento por facer Internet máis accesible e útil.

Naqueles anos, a Rede non lle outorgaba valor aos vínculos entre as diferentes webs nin tiña en conta que unhas acumulasen máis referencias ca outras. A idea matriz de Page era determinar cales eran os nodos máis relevantes e deseñar así un sistema de organización, tentando que as páxinas con máis ligazóns ocupasen os postos máis destacados nos resultados das buscas. Para dar conta desa idea Brin e Page comezaron a desenvolver BackRub en 1996.

En 1997, BackRub transfórmase en Google, nome que provén dun xogo fonético co termo googol (o número representado por un 1 seguido de 100 ceros). Nese mesmo ano, Page e Brin rexistran o dominio google.com e continuan traballando para perfeccionar a súa tecnoloxía de busca.

A intención de Brin e Page é vender Google a algunha gran compañía especializada na busca de información, pero fracasan ao non atopan ningún comprador interesado. Igualmente, a busca dos primeiros investidores para súa empresa non da resultado, e terminan por financiala con préstamos das súas amizades e parentes. Con todo, Andy Bechtolsheim, cofundador de Sun Microsystems, valora positivamente a iniciativa e decide investir 100.000 dólares en Google Inc, abrindo a porta a outros grandes investidores até sumar, en 1998, un orzamento de 25 millóns de dólares.

En xuño do ano 2000, Google xa era o motor de procura máis completo de Internet e conta con versións en dez idiomas: alemán, danés, español, finés, francés, italiano, neerlandés, noruegués, portugués e sueco. Actualmente, o buscador está dispoñible en máis de 150 idiomas.

A expansión de servizos de Google é meteórica: Google Noticias, Google Imaxes, Google Maps, Google Earth, Google Product Search, Gmail ou a rede social Google +. Amais, acompáñase coa diversificación en novos sistemas operativos (Android), a creación navegadores (Google Chrome) e repositorios de imaxe (Picasa), coa entrada no negocio dos móbiles e tablets (Nexus) e coa compra de YouTube, Motorola, DoubleClick e Panoramio.