Saltar a contenido
Ángela Ruiz Robles

Ángela Ruiz Robles

A precursora do ebook

León 1895 - Ferrol 1975

Tras cursar estudos na Escola Normal de Mestras e Mestres de León, Ángela Ruiz impartiu clases de taquigrafía, mecanografía e contabilidade Mercantil até que en 1918 obtivo unha praza de mestra en Ferrol.

O seu compromiso coa renovación pedagóxica levouna a escribir 16 libros, entre eles Compendio de ortografía castellana, Ortografía castellana ou Taquigrafía martiniana abreviada moderna, así como a dar luz a varios inventos tecnolóxicos moi orixinais como un novo sistema de taquigrafía e unha máquina taquimecanográfica (cunha nova orde de signos e caracteres, ligazóns sistemáticas e un encadeamento máis doado e natural) ou o Atlas Gramatical (despregable, organizado en unidades didácticas separadas pero con asociacións de conceptos que relacionaban información xeográfica de España, gramática, fonética, sintaxe e morfoloxía de la lingua española). Porén, o máis innovador de todos os seus inventos será a Enciclopedia Mecánica que, patentada en 1949, pode considerarse a precursora do libro electrónico.

A Enciclopedia Mecánica é un dispositivo portátil pensado para a lectura de libros que funcionaba cun procedemento mecánico, eléctrico e a presión de aire, operado desde un panel de pulsadores. Para a presentación dos seus contidos facía uso de luz, tintas luminiscentes, cristais de aumento e mesmo de son coas explicacións de cada tema. Incorporaba abecedarios automáticos que permitían formar palabras e frases en diferentes idiomas e unha serie de bobinas intercambiables con textos e ilustracións para cada unha das materias. A Enciclopedia Mecánica era de pequeno formato, construída con materiais liviáns, cun maletín que permitiría levala á escola xunto coas bobinas das materias escolares do día.

Pola súa concepción ideovisual e interactiva, a Enciclopedia Mecánica pode considerarse como un adianto do libro electrónico, as iPad e as tablets. Os e-books actuais integran moitas das ideas que adiantará Ángela Ruiz Robles na súa patente de 1949: é un dispositivo que ofrece información textual e imaxes que se deben instalar previamente para ser lidas; úsanse botóns para moverse no seu paxinado e incorporase unha fonte de luz e un sistema de zoom para ampliar o contido e facilitar a lectura. Mais, desde a Enciclopedia Mecánica haberán de pasar máis de 20 anos até que Michael Hart funde, en 1971, o Proxecto Gutemberg coa idea de converter os libros en arquivos de textos electrónicos, e outras dúas décadas máis até que, en 1993, se publique o primeiro libro dixital.